Ceas con historia, un evento de molde compostelán

Cenas con historia

A primeira entrada do ano e seguimos falando de comida, coma se non houbese suficiente cos Nadais, pero a idea que vimos meréceo. Acabamos de ler en gastronomíaycía un post que se fai eco dunha iniciativa foodie xurdida en Madrid: as ceas con historia. Os impulsores deste evento seleccionan uns restaurantes que se axustan a uns parámetros determinados –chamados “molan” e que inclúen atención ao cliente, dispoñibilidade, calidade culinaria e que o xerente sexa amable— e propóñenlles participar nestas ceas con historia. O restaurante prepara un menú especial para dúas persoas e ao final da cea, os comensais lévanse unha novela (ollo, unha novela para os dous) dunha selección de autores actuais. Nada de regalar o romance clásico de quenda, senón que se aposta por autores actuais. Pareceunos un evento que entraría moi ben no molde compostelán.

Entón, a iniciativa é bastante sinxela: os restaurantes que se adhiren a esta iniciativa convértense en restotecas que ofrecen á parella de comensais un adianto editorial dunha autora ou autor que teña a piques de saír a súa novela. Ademais de poder consultar o listado de restaurantes, está a disposición do visitante o menú que ofrecen para a súa Cea con historia, o prezo e máis características do establecemento.

O prezo do menú varía en cada restaurante a razón da súa cociña e filosofía, pero os prezos móvense entre os 12,50 e os 50 euros.

Coas positivas cifras de Santiago(é)tapas (link á noticia interna) sobre a mesa, non está fora da realidade afirmar que a os habitantes da cidade e aos visitantes máis ou menos fugaces senten inclinación cara ás iniciativas que teñan que ver coa comida.

Por outra banda, a tradición académica, e xa que logo editorial, da cidade parece que non pasa polo mesmo esplendor de outrora pero a situación da cidade, con preto de vinte librerías para cen mil habitantes, non é tan desesperada como noutros lugares, onde as librerías desvanécense para dar paso a tendas que ofrecen artigos de consumo moito máis inmediato. Ademais, a lectura aínda engancha a máis do 70% de españois, segundo o último CIS.

Xa comentamos fai un par de entradas que as feiras para os novos amantes da comida, tamén coñecidos como foodies, nas que tanto a presentación dos produtos como as propias receitas xogan un papel fundamental. Mesturar as ceas coa literatura dá un paso máis aló no concepto porque tamén acode á chamada da renovación necesaria de todo o tecido editorial.

En Trevisani somos moi lectores e ata organizamos dous eventos propios aos que lles temos moito agarimo: LITVI, Encontro de Literatura de Viaxes, en Santiago; e AURIA, Semana de Literatura Histórica, en Ourense.

O futuro dos libros non só depende de que as editoriais adáptense ás novidades nos soportes, senón que as librerías deben apostar tamén polo que o profesor e ensaísta Jorge Carrión (finalista do Premio Ensaio anagrama por Librerías) definiu como a cultura libresca, isto é, todos os aspectos intanxibles e comercializables que rodean aos libros, e aquí vén a confluencia cos restaurantes: sacar do propio espazo da librería o seu elemento fundamental e dar a coñecelo fóra da súa zona de seguridade, por dicilo así.

Trátase de reforzar a idea de compartir o gusto polas novidades literarias e de engadir de novo o gusto polas sobremesas de faladoiro que amenizaban os cafés e restaurantes ata o século XX.

Os organizadores das ceas con historia defínense na súa web como amantes do cine, a literatura e a comida, motivo que lles impulsou a sacar adiante a iniciativa. Así que nos parece que esta iniciativa casa co espírito de Santiago de Compostela: cidade cultural e gastronómica e refuxio de escritores de Galicia e o mundo.

A vostedes gustaríalles participar nunha cea con historia?

Imaxe de La Nueva España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *