4 tendencias en comunicación e consumo para 2014
Comeza o ano e é un bo momento para reflexionar sobre que nos espera nos próximos meses. 2013 foi vertixinoso e obrigounos a cambiar rapidamente o noso xeito de comunicar e realizar accións de Relacións Públicas. Que nos depara o 2014?
Comunicación multicanle
A comunicación multiplataforma leva sendo tendencia moito tempo pero, segundo os expertos, este ano consolidarase, o que obrigará ás marcas a planificar estratexias off/on ben integradas. O cliente espera recibir información a través de todas as canles á súa disposición, con especial atención ao seu smart-phone, protagonista indiscutible desta nova era tecnolóxica.
Cápsulas de contido
Que o contido é rei xa o tíñamos claro, pero nos próximos meses veremos unha clara evolución cara á calidade e unha grande especialización. Outra característica que marcará este campo durante 2014 é a brevidade e a concisión. Os vídeos de menos de 4 minutos, por exemplo, consolidaranse como elemento clave de comunicación. Os nosos clientes están expostos a un caudal de información alto e dedicarannos pouco tempo. Afinemos o tiro!
Ética, solidariedade e consumo responsable
Vivimos unha época de crise económica e de valores que calou no máis profundo da nosa sociedade. Os consumidores buscan achegar o seu granito de area ao cambio global e que mellor xeito de facelo que comprando de xeito responsable. Segundo os expertos os produtos ecolóxicos, os que se producen dun xeito ético e solidario, serán os mellor valorados polo público nos próximos meses.
Deseño inclusivo e hiper personalización
2013 foi o ano do deseño adaptativo ou “responsive”, é dicir, o deseño que se adapta a todas as canles. En 2014 daremos un paso máis e intentaremos que ademais de “responsive” sexa “inclusivo”, personalizado para cada usuario. O cliente será o centro de todas as estratexias e intentaremos que sinta que preparamos a nosa canle para a súa visita. A hiper personalización será tendencia en todas as áreas, dende o email marketing ata as relacións públicas.
En Trevisani estamos preparados para afrontar o 2014 e os seus novos retos. Confía no noso equipo para chegar aos teus clientes, devecemos por escoitarte!