En marcha a oitava edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro
“Premio de Honra” a Paradores e “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación” aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro
A Denominación de Orixe Ribeiro vivirá o martes 18 de xuño no Mosteiro de San Clodio (Leiro) a oitava edición dos Premios D.O. Ribeiro.
Durante a gala entregarase o “Premio de Honra” da Denominación a Paradores; e o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación” aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro.
O Parador Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación dos galardóns, nun acto que contou coa presenza de Juan Manuel Casares (presidente do Consello Regulador), Julio Castro (director do Hostal) e Rosa Vilas (adxunta á dirección da CRTVG).
Un ano máis, a empresa de eventos e congresos Trevisani colabora cos organizadores.
Juan Manuel Casares salientou de Paradores a súa profesionalidade, calidade e “as súas cartas de viños, que axudan a divulgar a riqueza vitivinícola española e nas que teñen unha presenza destacada os do Ribeiro”.
Dende a súa instauración en 2012, os Premios de Honra do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro foron: José Luis Hernáez Mañas, Paco Rego, Josep Roca, os restaurantes galegos con Estrela Michelin, Cristino Álvarez, Sarah Jane Evans e César Lumbreras, o pasado 2018.
Sobre Labranza e O Agro, o Consello Regulador quere destacar “o esforzo do equipo que dirixe Manuel Cruz por informar tanto as novidades como da situación global do mundo agro alimentario e fai extensible o premio ao conxunto da CRTVG, polo seu servizo”.
Deste xeito, Labranza e O Agro seguen ao xornalista Víctor de la Serna, premiado como Mellor Tarefa de Comunicación no 2018.
Máis sobre os Premios da D.O. Ribeiro
Os Premios, organizados polo Consello Regulador, recoñecerán aos mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Ademais, tamén vanse entregar os galardóns “Muller e Viño” e “Vida entre Vides”.
No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas castes autóctonas, reuniranse adegas, colleiteiros, distribuidores, maioristas, medios de comunicación, divulgadores…
ABANCA colabora na organización dos Premios D.O. Ribeiro 2019.
Perfil de Paradores
Paradores de Turismo é a cadea hostaleira pública que, desde 1928, é referencia no sector tras gañar a confianza de clientes de todo o mundo, uns clientes que buscan exclusividade e un valor engadido ás súas estancias.
Os seus establecementos adoitan atoparse en edificios ou emprazamentos destacados, moitos deles habilitados tras unha restauración moi coidada.
Así o turismo sustentable e de calidade, preservando o patrimonio cultural e histórico, son os seus acenos de identidade.
Paradores persegue ser unha rede de establecementos hostaleiros baseada nun servizo de calidade integral, diferenciado, accesible e personalizado.
Un servizo comprometido coa contorna natural, económico e histórico, co que se pretende potenciar a imaxe do turismo español unida a un desenvolvemento sustentable.
Hoxe, Paradores conta con 97 establecementos e máis de 4.000 traballadores.
En Galicia, ademais deste Hostal dos Reis Católicos, atópanse os de Cambados, Pontevedra, Ferrol, Baiona, Vilalba, Monterrei, Monforte, Ribadeo, Santo Estevo de Ribas de Sil, Tui e, moi pronto, chegará o de Muxía.
Perfil de Labranza e O Agro
Labranza e O Agro son os programas que dedica a Televisión de Galicia á información agraria.
Despois de 27 anos de emisión ininterrompida e máis de 1.500 programas, “Labranza” é o decano a nivel estatal dos programas desta caste e un dos máis veteranos da TVG.
Emite de xeito semanal reportaxes de divulgación sobre os distintos sectores produtivos do agro galego, desde o leite á viticultura, cun especial interese naquelas iniciativas que buscan revitalizar o medio rural en Galicia.
Pola súa banda, “O Agro” é un espazo que ofrece información e reportaxes en formato máis breve.
O Ribeiro, os seus viños e os seus profesionais apareceron nestes programas dun xeito destacado dende a súa orixe.
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.
A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.
Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.
A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.
Trevisani e os Premios D.O. Ribeiro
Dende o 2014, a axencia de organización de eventos Trevisani colabora coa D.O. Ribeiro na posta en marcha dos seus premios.
Entre as responsabilidades de Trevisani están:
- Secretaría técnica
- Apoio na conceptualización e produción da gala
- Protocolo e relacións públicas
- Apoio en comunicación e xestión de prensa
- Xestión de convidados e bases de datos
- Azafatas e persoal auxiliar
- Contratación de artistas e presentadores