Galicia amosou os recursos do seu vizoso sector MICE en Madrid
Os profesionais do sector galego de congresos únense para potenciar Galicia como destino, unha comunidade que move ao redor de 60 millóns de euros anuais
A empresa de organización de eventos Trevisani está moi implicada nesta iniciativa
O sector galego de congresos uniuse por vez primeira para promoveren Galicia como destino referente para a celebración de eventos, a través do proxecto Galicia MICE.
A presentación deste proxecto, promovido polo Clúster Turismo de Galicia e a Axencia Turismo Galicia e que ten coma fin situar Galicia nos principais mercados, reuniu o xoves 17 de novembro en Madrid a máis dun cento de profesionais do sector MICE (Reunións, Incentivos, Convencións e Feiras, nas súas siglas en inglés).
A empresa de organización de eventos Trevisani é impulsora desta iniciativa, en colaboración conxunta con outros actores do sector.
Con este proxecto, as asociacións promotoras OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos, á que pertence Trevisani), a Asociación de Pazos de Congresos de Galicia, HOSPECO (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña) e ASEHOPO (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra), perseguen establecer unha organización permanente do sector.
Para iso, crearon unha serie de ferramentas e desenvolveron accións destinadas a promover unha oferta global de Galicia como destino, dando visibilidade aos potenciais públicos de interese para este tipo de turismo.
Neste sentido, no acto desenvolvido no restaurante Atlántico by Pepe Solla presentouse “Galicia MICE”, unha guía profesional do sector que facilitará a axentes e promotores de turismo de eventos a localización de todos os recursos que esta comunidade ofrece para a organización de congresos, convencións ou feiras, así como unha plataforma Web que recolle información de interese para os profesionais.
GALICIA MICE
Galicia MICE é unha guía que facilitará a localización de recursos a promotores e organizadores de reunións, viaxes de incentivos, convencións, feiras ou exposicións.
Está organizada por sectores e sedes, e a súa estrutura está constituída para facilitar a localización xeográfica de servizos.
A este proxecto únese a creación dun portal web de referencia do sector no que estará actualizada a información sobre a oferta MICE en Galicia.
Este portal intégrase nos do Clúster Turismo de Galicia, na Axencia de Turismo de Galicia e nas propias organizacións impulsoras da iniciativa.
Constituirá, xa que logo, unha ferramenta de traballo de gran utilidade para programadores e operadores, facilitando a elección de Galicia como destino de eventos.
O sector MICE en Galicia
A unión e máis a organización do sector MICE en Galicia, que ata o momento operaba en base a accións individuais de cada unha das organizacións ou empresas, permitirá consolidarse e aumentar a súa rendibilidade.
O sector MICE move en Galicia ao redor de 60 millóns de euros anuais, xerados a través de máis de mil eventos de diferentes tamaños.
Estímase que o gasto medio dun participante en reunións e congresos é un 30% superior ao dun turista convencional, alcanzando unha media de 250 euros ao día.
Ademais, este sector é unha gran baza para desestacionalizar o turismo en Galicia, posto que o viaxeiro de negocios e de congresos permanece nas cidades máis dun día.
Os eventos adoitan organizarse principalmente na primavera e outono, permitindo a ocupación en datas de baixa afluencia, converténdose nunha fonte de riqueza económica.