Médicos Sen Fronteiras, terceiro elo das CONferencias CON SOLIDARIEDADE
José Antonio Bastos, presidente de Médicos Sen Fronteiras España, será o relator deste evento. A cita, con entrada gratuíta, é no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela o mércores 7 de setembro desde as 20:00 horas
O terceiro paso dentro do ciclo “Conferencias con Solidariedade” aproxímase e nel volve traballar o equipo Trevisani.
Baixo o título “Seguir con vida”, José Antonio Bastos falará dalgúns dos problemas médico-sanitarios que se están a producir en poboacións afectadas por distintas crises. Esta intervención ten o obxectivo de informar e concienciar sobre a situación de millóns de persoas vítimas da violencia extrema e o conflito, ofrecendo o punto de vista dunha organización que leva traballando no terreo máis de 40 anos.
José Antonio Bastos será o terceiro exemplo de solidariedade do ciclo “Conferencias con Solidariedade”, que forma parte do programa especial de actividades impulsado polo Xacobeo con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia.
A moderadora desta cita será a xornalista Irene Lourido e os próximos encontros do ciclo terán lugar os próximos días 5 e 13 de outubro.
José Antonio Bastos
José Antonio Bastos é presidente de Médicos Sen Fronteiras España desde o ano 2010. É médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, con Diploma en Enfermidades Tropicais e Mestría en Saúde Pública.
A súa primeira misión na organización foi no 1991, atendendo a refuxiados do norte de Iraq trala primeira Guerra do Golfo. Desde entón, con MSF, participou en misións contra epidemias, fames negras e guerras en países como Somalia, Bolivia, Angola ou Ruanda.
Como responsable da unidade de emerxencias (1995-97) e director de operacións de MSF España (1997-98) e Holanda (2000-2004), tamén traballou en Nixeria, Balcáns, Somalia, Etiopia e Chechenia.
Tras unha pausa de 2 anos de traballo clínico en Australia, regresou ao traballo humanitario co Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) en Paquistán, Iraq e Afganistán, entre o 2006 e o 2010.
Médicos Sen Fronteiras
Médicos Sen Fronteiras é unha organización médico-humanitaria internacional nada no 1971 que asiste a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados, sen ningunha discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política.
A súa presenza independente e imparcial nas crises permítelle dar unha asistencia inmediata ás persoas máis necesitadas. A acción médica é a súa prioridade, porén, tamén opta polo testemuño como medio para provocaren trocos a prol das poboacións ás que asiste.
Traballo da empresa de organización de eventos Trevisani
As angueiras das que se encarga o equipo Trevisani no ciclo CONferencias CON SOLIDARIEDADE son:
- Conceptualización temática
- Xestión e selección de relatores
- Protocolo e relacións públicas
- Dinamización
- Persoal auxiliar
- Apoio a gabinete de comunicación e prensa
- Atención no directo