Os premios Mestre Mateo 2017 celebran a súa XV edición
Un ano máis, a Academia Galega do Audiovisual entregou os premios Mestre Mateo para galardonar os mellores traballos do 2016 no audiovisual galego
Iolanda Muíños foi a encargada de presentar a gala, que se celebrou o pasado sábado, 4 de marzo, en Palexco (A Coruña). A temática da gala xirou en torno aos musicais e a condutora do evento protagonizou ata tres números artísticos, acompañada dun grupo de baile e un cuarteto de músicos.
En canto aos premiados, a gañadora da noite foi María y los Demás. Esta película obtivo cinco galardóns, entre eles, o premio á mellor longametraxe. Tamén a súa protagonista, Bárbara Lennie, obtivo o premio á mellor interpretación feminina. Alcanzou ademais os premios ao mellor guion, son e música orixinal.
A segunda no palmarés foi a serie Dalia, a Modista, que obtivo catro premios: interpretación feminina de repartición (Covadonga Berdiñas), dirección de arte, vestiario e maquillaxe e barbería. Por outra banda, Esquece Monelos levou tres galardóns: mellor documental, dirección de fotografía e montaxe.
O premio ao mellor programa de televisión foi para Land Rober Tunai Show. O seu condutor, Roberto Vilar, levou tamén o Mestre Mateo ao mellor comunicador de TV. Ademais do galardón para Bárbara Lennie, Luís Tosar levou o premio ao mellor actor protagonista por Cen Anos de Perdón. O Mestre Mateo para a mellor interpretación masculina de repartición foi para Monti Castiñeiras pola súa traballo en Serramoura e a feminina para Covadonga Berdiñas por Dalia, a Modista.
Pola súa banda, a directora de arte Marta Villar recolleu o Premio de Honra Fernando Rey. No seu discurso, chamou a evitar a “desigualdade” xeográfica en Galicia á hora de elixir os decorados, algo que atribuíu á crise.
Na XV edición dos premios Mestre Mateo, Trevisani, como empresa colaboradora, desempeñou as seguintes actividades:
- Protocolo e relacións públicas
- Atención ao directo
- Persoal auxiliar
- Envío de invitacións
- Confirmación de asistencias
- Coordinación de públicos e asistentes
- Control de acceso
- Coordinación de nomeados