Abertas as inscricións para Fórum Gastronómico A Coruña 2017

Fórum Gastronómico A Coruña 2017 eventosÉ o grande evento gastronómico de Galicia e do Arco Atlántico, Fórum Gastronómico da Coruña 2017, no que Trevisani traballa como empresa coorganizadora xunto a Pep Palau, Von Arend y Associats

Por vez primeira, a maior concentración de cociñeiros galegos nun mesmo evento. Como novidade, sesións monográficas dedicadas á carne e ao peixe e un espazo para os artesáns e oficios alimentarios.

Tralo grande éxito conseguido nas dúas pasadas edicións, o Fórum Gastronómico repite do 12 ao 14 de marzo no recinto feiral de ExpoCoruña, sendo esta a súa sexta edición en Galicia e a plena consolidación do evento na Coruña.

O programa de actividades terá como eixo central a nova cociña galega, que nesta edición adquirirá un grande protagonismo posto que máis de sesenta cociñeiros de Galicia pasarán polo Auditorio e os Obradoiros do Fórum, para ofreceren a súa cociña en directo. Entre moitos outros pódese salientar a presenza de Pepe Solla (Solla), Javier Olleros (Culler de Pau), Luis Veira (Árbore da Veira), Iván Domínguez (Alborada) ou os colectivos Coruña Cociña e Grupo Nove. Non han faltar na cita novas promesas galegas como: Alberto Cruz (Landua), Carlos Javier González (Merenzao), Diego López (La Molinera), Nacho Rodríguez (Gastromanía),  Alén Tarrío (Pazo de Altamira), Alberto Lareo (Manso), Fernando Agrasar (As Garzas), Diego Novas e Marcos Blanco (Barrabasada) ou Iago Pazos e Marcos Cerqueiro (Abastos 2.0).

Ademais, o evento contará con chefs da talla dos andaluces Ángel León (Aponiente) e Diego Gallegos (Sollo), os asturianos Marcos Morán (Casa Gerardo), Nacho Manzano (Casa Marcial) e unha representación da cociña portuguesa cos tamén estrelados Henrique Sa Pessoa (Alma) ou Alexandre Silva (Loco). Tamén estarán presentes Nandu Jubany (Can Jubany), Aitor González (El Invernadero de Rodrigo de la Calle) ou Jesús Segura e David Chamorro (Trivio). En total, polo Fórum van pasar máis de 100 relatores.

Novidades no programa do Fórum Gastronómico da Coruña

Como novidade, este ano realizaranse sesións monográficas de especialización dunha tarde de duración, concretamente unha de peixes e outro de carnes. No caso das carnes as sesións estarán dirixidas polo gastrónomo experto en carne de vacún, Mikel Zeberio, e participarán grandes profesionais como Carles Tejedor (Lomo Alto) ou Héctor López (España) ademais dos mellores expertos na grella tradicional de Euskadi e Galicia. No caso dos pescados, os asistentes poderán aprender con Hideki Matsuhisha (Koy Shunka), Andrés Medici (Purosushi) ou Sacha Hormaechea (Botillería Sacha) e Victor Bossecker (Princesa Yaiza).

Xorde un novo espazo chamado Agora no que os protagonistas serán os oficios alimentarios e os artesáns, que ofrecerán sesións de 40 minutos, que. do mesmo xeito que os talleres, inclúen degustación e precisan inscrición. Os protagonistas desta volta serán o pan, o queixo, a chacinaría, o mar ou a coctelaría. O Fórum contará con auténticos panadeiros que nos descubrirán os segredos do pan tradicional galego, queixeiros artesáns que proporán un percorrido por diferentes formatos do queixo explorando a súa tradición e a súa evolución, tamén se han descubrir as mellores conservas, ademais da revolución na chacinaría ou a coctelaría.

Coma sempre, o viño tamén terá un papel protagonista. O Fórum Viño terá o privilexio de contar, entre outros, cunha inédita sesión de Josep Roca, o mellor sumiller do mundo (El Celler de Can Roca), con sesións a cargo do sumiller Xoan Cannas (Instituto Galego do Viño), do especialista en viños de Xerez, José Ferrer e tamén Luís Paadín. O servizo de sala contará cunha sesión especial a cargo de Juan Mediavilla, Amaranta Rodríguez (Culler de Pau) e máis Abel Valverde (Santceloni).

O Fórum Doce tamén terá oco no evento con sesións de pastelaría galega a cargo de Ariel Mendizábal (Doriel), Paco Cichón e Sergio Musso (Eclectic. Lar gastronómico) e Toni Vera (Pastelería Canal) gañador do IX Concurso Mellor Croissant Artesán de Manteiga de España 2016.

No programa de Fórum Gastronómico A Coruña 2017 non faltarán os premios e concursos. Entregaranse os Premios Picadillo, en recoñecemento á traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega e os Premios InnoFórum, patrocinados por Gas Natural Fenosa, que son un recoñecemento á innovación na gastronomía. Contarán con tres categorías: produto máis innovador, packaging máis creativo e sabor máis orixinal.

Unha vez máis Fórum Gastronómico contará cun grande espazo feiral, que medrou nun 30%, e no que as mellores empresas do sector amosarán as súas novidades e ofrecerán talleres para dar a coñecer os seus produtos, convertendo a feira nunha grande plataforma de negocio.

Ademais, cómpre salientar a organización dunha misión inversa organizada en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña na que participarán importadores de México, Polonia, Reino Unido, Bélxica, Holanda e Portugal. Deste xeito, os expositores do Fórum terán a oportunidade de estableceren beneficiosos tratos comerciais e promocionar os seu produtos fóra das nosas fronteiras.

O Fórum convértese unha vez máis na cita de referencia e A Coruña será durante 3 días a capital gastronómica de Galicia e de todo o Arco Atlántico.

Fórum Gastronómico A Coruña conta co apoio do Concello da Coruña, Diputación de A Coruña, Coruña Turismo ademais de Estrella Galicia. Tamén son patrocinadores Unilever Food Solutions, Cabreiroá e Electrolux entre outros.

Máis información e inscricións, no propio portal web de Fórum Gastronómico da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *