Fórum Gastronómico A Coruña 2017, unha gran plataforma de negocio con máis de 200 expositores

FORUM GASTRONOMICO CORUÑA
Fotografía: Xurxo Lobato

O Fórum Gastronómico A Coruña será o epicentro da gastronomía do 12 ao 14 de marzo, nunha edición con máis espazo feiral e un amplo programa de actividades

Máis de 200 expositores estarán presentes en Fórum Gastronómico A Coruña 2017 nun espazo feiral que creceu un 30% respecto da última edición. Á parte de Galicia, non faltarán empresas chegadas do resto de España, como Andalucía, Cataluña, Estremadura, País Vasco, Castela e León, Aragón, Murcia, Cantabria, Madrid, Navarra, Canarias, Valencia ou A Rioxa, ademais de empresas internacionais procedentes de China, Países Baixos ou Portugal.

Nesta edición, cabe destacar que do total de empresas participantes, un 45% fano por primeira vez no Fórum, demostrando así que Fórum é un evento de referencia e unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Ao longo de tres xornadas, as empresas teñen unha oportunidade única para dar a coñecer os seus produtos e servizos ante un público profesional e gourmet.

Entre as actividades destacan tamén os premios e concursos impulsados polos expositores. É o caso de Estrella Galicia, patrocinador principal, que celebrará no Fórum o IV Campionato Nacional de Tiraxe de Cervexa. Ademais, contará cunha aula propia con actividades durante os tres días na que realizarán talleres, maridaxes e catas.

Misión inversa con 46 empresas e 12 compradores de 6 países

A Cámara de Comercio da Coruña xunto con Fórum Gastronómico organiza unha misión inversa con 12 importadores estranxeiros procedentes de Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Polonia e México.

Esta misión inversa, que terá lugar os días 12 e 13, vai dirixida especificamente a empresas galegas interesadas en abrir novas vías de distribución dentro da canle HORECA de hostalería, restauración e catering. En total participarán nesta acción 46 empresas.

Espazo InnoFórum

Fórum Gastronómico A Coruña recoñecerá tamén a innovación na gastronomía a través dos Premios InnoFórum, patrocinados por Gas Natural Fenosa. Contan con tres categorías: produto máis innovador, packaging máis creativo e sabor máis orixinal. Os produtos participantes deben presentarse ao mercado nos 12 meses anteriores á edición do Fórum Gastronómico e só poden optar a eles empresas expositoras do Fórum. Ata a data, presentáronse un total de 35 produtos.

Fórum Gastronómico A Coruña conta co apoio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Coruña Turismo, ademais de Estrella Galicia como patrocinador principal. Tamén son patrocinadores Unilever Food Solutions, Cabreiroá e Electrolux, entre outros.

Fórum Gastronómico e a empresa de organización de eventos Trevisani

Desde a súa primeira edición en Galicia, celebrada en Santiago de Compostela no ano 2008, Trevisani estivo implicada na organización e produción deste gran evento de referencia, que impulsou a gastronomía galega.

No ano 2012, Trevisani pasa de ser unha entidade colaboradora a converterse na Delegación de Fórum Gastronómico en Galicia e con iso en coorganizadora xunto á empresa Pep Palau, Von Arend & Associats, creadores e directores do Fórum, de tódolos encontros que se desenvolven cada dous anos na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *