O Fórum Gastronómico A Coruña 2019, un novo éxito
Máis de 24.000 persoas pasaron por ExpoCoruña durante tres de días de intensa actividade, superando a cifra da última edición do evento
O Fórum Gastronómico da Coruña 2019 desenvolveuse entre o 10 e o 12 de marzo.
Ao longo de tres xornadas pasaron por ExpoCoruña máis de 24.000 visitantes únicos, superando a cifra de 2017, o que confirma unha vez máis a consolidación do evento en Galicia.
A empresa galega de organización de eventos e congresos Trevisani é co organizadora, xunto á firma Pep Palau, von Arend & Associats, creadores e directores do Fórum, de todos os encontros que se desenvolven cada dous anos no noso país.
Relatores e liñas temáticas do Fórum Gastronómico
150 relatores realizaron preto de 90 actividades repartidas entre o Auditorio, o taller, o Ágoa o Wine Circus e a Aula de Cultura Cervexeira ademais das actividades realizadas nos espazos dos expositores como os da Estrella Galicia, da Consellería do Medio Rural, Economía Social de Galicia representando ás cooperativas agrarias, Cafés Candelas, Deputación de Pontevedra, Deputación da Coruña, Gourmet El Corte Inglés ou Siboney, entre outros.
Relatores e expertos manifestaron o acerto do eixo temático deste ano, as cociñas do Atlántico, que permitiu coñecer as tendencias culinarias dos diversos territorios do Atlántico, por exemplo o territorio invitado, Canarias, que trouxo ao Fórum unha representación de cociñeiros e produtos de cada unha das súas illas.
Sectores que medran na feira profesional do Fórum Gastronómico
Doutra banda, é importante subliñar o alto grao de satisfacción dos expositores, que estableceron numerosos contactos comerciais nunha superficie feiral que medrou nun 20% respecto á anterior edición.
Tamén cabe destacar que participaron 250 empresas demostrando deste xeito que o Fórum é un evento de referencia e unha grande plataforma de negocio para as empresas do sector na que conviven en perfecta harmonía as grandes marcas con pequenos produtores.
Ademais, este ano apostouse por sectores como a maquinaria, que potenciou aínda máis a visita dun público profesional, así como o do café ou a cervexa. Tamén cómpre destacar o peso que adquiriu o sector do viño, con máis de 200 referencias representadas na feira e con numerosas actividades que atraeron a catadores, enólogos e máis especialistas.
Desde a organización de Fórum Gastronómico quérese subliñar o apoio do sector profesional que a acompañou desde a primeira edición e que fai posible este gran evento.
Patrocinadores e colaboradores do evento
Fórum Gastronómico A Coruña 2019 contou co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal ademais de Cabreiroá, Callebaut ou Fagor Industrial.
Sumou as colaboracións de Pimentón de la Vera, Diputación de Cáceres, Aceites Abril, Cega Audiovisuales, Pujadas ou o Concello da Coruña, e o soporte técnico de Makro, Instituto Galego do Viño, Gadis, Bragard, Josmaga, Tawi, ICC, Sargadelos, Sammic, KitchenAid ou Audi Arrojo, entre outros.
Canarias foi o Territorio convidado e contou co apoio do Gobierno de Canarias.
Nacido no 1999, o Fórum Gastronómico celebra este 2019 os seus 20 anos de vida.
Actualmente conta con tres sedes, Girona, Barcelona e A Coruña.
A próxima cita do evento será do 18 ao 20 de novembro no recinto Montjuïch da Fira de Barcelona.