Fairway abordará por primeira vez o Camiño de Santiago coma fenómeno global

Fairway-camino-santiago-evento

A primeira edición do Fairway, no que toma parte a empresa de organización de eventos Trevisani, terá lugar en Compostela, do 15 ao 18 de outubro

Máis de 30 relatores distribuídos en catro paneis de exposición e reflexión sobre o Camiño, 2.000 metros cadrados de espazo expositivo na Cidade da Cultura, así como os principais operadores turísticos a nivel nacional e internacional que teñen o Camiño como produto, FairWay pechou unha completa programación que permitirá abordar por vez primeira o Camiño de Santiago desde unha perspectiva global.

O prazo de inscrición xa está aberto e pódese confirmar a participación vía on line a través do enderezo www.fairwaysantiago.com/reservas/actividades , seleccionando na opción que mellor encaixe entre as diferentes modalidades de participación.

FairWay será, pois, un encontro de reflexión e análise pero tamén de experiencias vitais, networking e intercambios comerciais que reunirá en Compostela, do 15 ao 18 de outubro, a centos de profesionais e afeccionados ás diferentes Rutas Xacobeas para compartiren vivencias, dar a coñecer negocios vinculados ao Camiño e analizar e ofrecer solucións ás necesidades relacionadas con esta experiencia. Un evento que segue a sumar apoios como o de Correos, que se converte así en patrocinador do I Forum do Camiño de Santiago.

Unha iniciativa nova que será ao mesmo tempo congreso e feira, combinando un espazo de relatorios cun expositivo adaptado para que toda empresa ou institución que así o desexen poida contratar calquera tipo de servizo relacionado co Camiño de Santiago.

 FairWay Market

Actualmente o espazo de FairWay Market está ocupado en máis dun 80%. Trátase dun escaparate para coñecer as novidades vinculadas a este sector e un punto de encontro perfecto para facer networking. Nesta feira especializada estarán empresas relacionadas co Camiño de Santiago no eido do aloxamento turístico, hostalería, empresas de servizos ou institucións, entre outros.

A feira inclúe un workshop que permite organizar unha axenda de reunións de traballo con máis de vinte dos principais hosted buyers do Camiño procedentes de Xapón, Estados Unidos, Italia, Dinamarca ou o Reino Unido interesados en establecer contactos comerciais coas empresas do Camiño para mellorar as experiencias de peregrinación dos seus clientes.

A actividade comercial completarase co Pitch Show, onde os participantes poderán contar ao público nun tempo máximo de 5-10 minutos, con apoio audiovisual, o seu proxecto. Este formato está a espertar moito interese.

Avance de programación do FairWay Forum

Namentres se pechan os últimos detalles do programa definitivo, dispoñible na web www.fairwaysantiago.com/fairway-forum , desde a organización saliéntase o esforzo realizado para ofrecer unha panorámica do fenómeno do Camiño de Santiago desde diferentes prismas. Así, FairWay Forum estará composto por catro paneis temáticos diferenciados: Camiño Outsites, que ofrecerá visións doutros aspectos do Camiño; After Way, en torno ao Camiño do despois; Other Ways, sobre outros camiños de peregrinación no mundo; e Camiño Insights, que centrarase na xestión dos Camiños de Santiago.

Estarán presentes deportistas cuxas últimas fazañas deportivas estiveron vinculadas ao camiño como Mari Luz Viña; expertos e estudosos senlleiros tanto do Camiño de Santiago como doutras rutas de peregrinación como a Vía Francíxena, o Kumano Kodo ou o Camiño de San Olav; representantes das diferentes administracións públicas e entidades vinculadas coa xestión e a seguridade do Camiño como o Xacobeo, os corpos e forzas de Seguridade do Estado; ou peregrinos cuxa experiencia lles cambiou a vida, tanto anónimos e personaxes públicos sobradamente recoñecidos  (Antonio Catalán, Serafín Zubiri, Sue Kenney, entre outros).

Testemuños, reflexións e información que conforman o FairWay Forum, o congreso co obxectivo de crearen un punto de encontro e reflexión sobre a situación actual do camiño de Santiago, as diferentes rutas xacobeas e os distintos camiños no mundo que ven o de Santiago coma un caso de éxito no que reflectirse.

 ¿Por qué Fairway?

O Fairway nace da iniciativa privada de tres empresas que levan observando a evolución do fenómeno Xacobeo dende hai máis de 20 anos como son a maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de márketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación. Froito da súa experiencia na organización de eventos, a tourperación da viaxe especializada do Camiño de Santiago e a xestión do márketing turístico de destino nace a primeira edición deste evento destinado a consolidarse no calendario nacional como a gran cita co Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *