Spin 2016, evento cos emprendedores e a Universidade en Santiago

galicia-eventos-spin-2016-presentacionUnha cita que se desenvolverá na Cidade da Cultura de Galicia en setembro e outubro

Spin 2016 desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, do 29 de setembro ao 1 de outubro, unha cita promovida dende a RedEmprendia na que xa está a traballar a empresa de organización de eventos Trevisani.

Trátase da terceira edición dunha gran plataforma para impulsaren empresas de alto impacto baseadas no coñecemento e a I+D promovidas polos universitarios. O seu lema é “Creando Cultura Emprendedora” e, para alcanzalo, deseñouse un programa que inclúe charlas, conferencias, marketplace, talleres e seminarios e premios por valor de 100.000 euros.

O evento Spin 2016 contará coa presenza de 2.000 persoas, chegadas de 20 países distintos e 100 universidades diferentes de América Latina, Portugal e máis España. Un gran traballo de organización é necesario para que sexa un éxito.

Tomarán parte de Spin2016 numerosos empresarios de referencia internacional e expertos do mundo dos negocios, a academia, a ciencia, a gastronomía… Todos eles compartirán as súas experiencias e coñecementos.

RedEmprendia é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento xerado na universidade. Actualmente está integrada por 28 universidades e conta co Banco Santander como aliado estratéxico. A través de Santander Universidades, o Banco Santander desenvolve proxectos no ámbito universitario, con 1.200 acordos con universidades e institucións académicas de todo o mundo.

Ademais de RedEmprendia, Spin 2016 conta co apoio da Xunta de Galicia, as tres universidades galegas -Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade de Vigo (UVigo) e Universidade da Coruña-, a Universidade do Porto, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Banco Santander, a través de Santander Universidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *