Evento de inauguración do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia
O evento de inauguración xuntou a destacadas autoridades da universidade e a política galegas
O Salón Nobre do Pazo de Fonseca acolleu o acto inaugural da celebración dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia; impulsada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago.
A empresa de organización de eventos Trevisani colabora co centro santiagués no seu programa de actividades.
O curso 1967-68, hai medio século, foi o da apertura do centro compostelán, fito que serve como punto de partida destes estudos no país.
O evento contou coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; os ex presidentes da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas.
Intervencións na inauguración das actividades
Todos os intervintes coincidiron en subliñar o papel protagonista da Facultade compostelá no devir político e social das últimas décadas da nosa comunidade.
“A Galicia de finais dos 60 non é a Galicia de hoxe, e nesa transformación económica e social foi sen dúbida crucial este centro”, dixo o reitor.
“Seguramente os nosos concidadáns –continuou– terán gozado dos froitos do traballo do profesorado e ex alumnado en prol da mellora na xestión turística como motor económico de Galicia, na modernización da organización empresarial ou na economía sostible”.
González Laxe, alumno da terceira promoción, referiuse a iso mesmo ao afirmar con rotundidade: “se alguén quere ser responsable político, estudando nesta Facultade ten unha probabilidade do 50% de selo”.
“Foi nese centro, referente educativo e social para toda a sociedade, onde como tantos outros me formei e aprendín a pensar”, dixo, á vez que lembraba formar parte dunha “promoción itinerante” que comezou no Burgo, pasou polo Campus Sur e rematou no Colexio de Fonseca.
Pola súa banda, Pérez Touriño destacou no acto os tempos precarios de hai 50 anos, “unha precariedade que era substituída pola paixón do profesorado e o estudantado e da que hoxe somos herdeiros”.
O ex presidente da Xunta de Galicia e alumno da primeira promoción dixo ademais aspirar a que a economía “vaia hoxe polo camiño do compromiso social”.
José Carlos de Miguel e María Carmen Guisán
O acto finalizou coa intervención do catedrático ad honorem da USC José Carlos de Miguel, o profesor máis antigo do centro, e da tamén catedrática ad honorem María Carmen Guisán, que finalmente non puido asistir e delegou a lectura do seu discurso na profesora Maite Cancelo.
Aos dous o reitor agradeceulles a súa “dedicación incansable”.
Tarefas desenvolvidas por Trevisani nos eventos co gallo do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia
- Apoio na conceptualización global
- Secretaría técnica de congresos, reunións e presentacións
- Xestión de relatores
- Produción
- Apoio en protocolo e relacións públicas
- Deseño de imaxe e identidad gráfica
- Comunicación dos eventos
- Realización de entrevistas, roldas de prensas e recursos
- Contidos para portal web
- Creación e xestión de redes sociais
- Azafatas e personal auxiliar