A Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE) reúnese en Santiago
O evento, no que participan 80 decanos e vicedecanos, enmárcase no 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia
O Salón Nobre do Pazo de Fonseca en Santiago acolleu o acto de inauguración da reunión da Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE).
Estiveron presentes Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago; Jorge Sáinz González, Secretario General de Universidades del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; Ana María López, presidenta de CONFEDE; e Emilia Vázquez, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Ana María López García, presidenta de CONFEDE e decana da Facultade de Ciencias Económicas y Empresariales da Universidad Autónoma de Madrid, salientou entre as temáticas tratadas a importancia dunha internacionalización “que xa está aquí” e amosou a súa satisfacción polo traballo e o ambiente no evento.
“Estamos moi contentos tanto pola afluencia como polo desenvolvemento. As reunións que organizamos en CONFEDE conseguen sempre unha elevada participación, hai decanos que se inscriben mesmo antes de coñecer o programa.
Son unhas xornadas nas que o incrible é que funcionan como unha gran familia. Facultades que podería pensarse que deberían competir apostan por unha contorna de colaboración excelente e impagable, onde cada unha conta as súas experiencias, responde a preguntas sobre accións que se poden imitar en outras… Ademais conseguimos que as universidades privadas se somen e participen activamente”, apuntou.
As sesións de traballo da primeira xornada abordan: “A acreditación do profesorado na Universidade Española”, a cargo de Jorge Sáinz González, Secretario General de Universidades; “O futuro das universidades: estudos universitarios e avaliación da calidade”, por José Díez de Castro, Secretario Xeral de Universidades da Xunta e Eduardo López Pereira, Director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia; e, por último, “Asuntos de organización e funcionamento: Asemblea da Confede”.
As catro sesións do segundo día tamén son plurais.
A primeira abordará a internacionalización, coas intervencións “Recruiting Erasmus: en busca do mellor talento global”, por Carlos Crespo (PeopleMatters); “Dobres títulos con universidades estranxeiras”, Raúl Ruiz Callado (Universidade de Alacante); e unha conxunta sobre “Requisitos para o profesorado para as titulacións impartidas con grupos bilingües”.
A sesión sobre acreditacións contará con Josep Franch (ESADE), quen se centrará nas “Acreditacións internacionais”; “Mencións en graos”, por José Antonio Sanz (Universidade de Valladolid); e “Articulación da acreditación por centros”, con varios intervenientes.
A continuación incidirase na conexión con estudantes de bacharelato, cos relatorios sobre “Problemática da materia de Economía en BAC” de Javier González (presidente da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria); e “Recoñecemento de materias cursadsas en BAC para acceder a titulacións de economía e empresa”, levado por Sol Ostos (Universidade de Granada).
A derradeira sesión da reunión da Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa encarará diversos temas de interese, como as prácticas internacionais ou os traballos fin de grao.
Sobre a CONFEDE
A CONFEDE favorece a cooperación entre as distintas facultades de economía e empresa. Entre os seus obxectivos están adoptar acordos en materias de competencia decanal e expresar a opinión colectiva en materias que afectan aos seus centros.
Esta organización constituíuse no ano 1998 en Albacete e forman parte dela as decanas e os decanos das facultades e centros autorizados en España para expediren e impartiren os diversos títulos oficiais en Economía e Administración e Dirección de Empresas.
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago organiza as sesións desta importante cita educativa, na que toman parte 80 decanos e vicedecanos.
Desta vez, a CONFEDE reúnese en Compostela coincidindo co 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia, aniversario que propicia un extenso programa de actividades que se alongan ao longo de todo o ano.
A próxima cita de CONFEDE será en novembro, na Universidad de Oviedo.
Trevisani traballa neste calendario de eventos.
Tarefas desenvolvidas por Trevisani nos eventos co gallo do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia
- Apoio na conceptualización global
- Secretaría técnica de congresos, reunións e presentacións
- Xestión de relatores
- Produción
- Apoio en protocolo e relacións públicas
- Deseño de imaxe e identidad gráfica
- Comunicación dos eventos
- Realización de entrevistas e recursos
- Contidos para portal web
- Creación e xestión de redes sociais
- Azafatas e personal auxiliar