Sustentabilidade e tecnoloxía, eixos do Congreso de OPC España, que se celebra en Galicia en febreiro
Entre o 20 e o 22 de febreiro, Santiago de Compostela acollerá o Congreso de OPC España
O pavillón de Galicia en FITUR acolleu a presentación do 32 Congreso Nacional de OPC España, que desenvolverase entre os días 20 e 22 de febreiro.
Sustentabilidade, seguridade, tecnoloxía, territorio e emoción son algúns dos puntos que se tratarán na cita, que reunirá a profesionais do sector de eventos no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
A empresa de organización de eventos Trevisani está moi implicada na conceptualización e posta en marcha deste congreso, como membro de OPC Galicia e OPC España.
Palabras desde OPC Galicia e OPC España
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a presidenta de OPC España, Matilde Almandoz; e a de OPC Galicia, Ana Trevisani, asistiron á presentación do Congreso e da marca Galicia MICE, que agrupa ás principais empresas galegas do sector.
Tamén estiveron presentes no acto o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, e representantes do sector turístico e de eventos galego e estatal.
A presidenta de OPC Galicia, Ana Trevisani apuntou a que ao Congreso de OPC España virán “relatores de talla mundial que removerán conciencias”, coma fórmula para o avance do sector MICE. “O Congreso Nacional é o congreso de congresos”, dixo, “e é posible grazas ao traballo conxunto de distintas administracións e á sinerxia entre moitas empresas galegas”.
Destacou a gran unión do sector no país, baixo o paraugas da marca Galicia MICE: “A nosa terra ofrece profesionais serios, fieis, eficaces e moi traballadores pero, ademais, ofrece ese plus que todo organizador desexa: sensacións e experiencias”.
Pola súa banda, Matilde Almandoz sinalou que ao Congreso asistirán representantes de todos os apartados do sector MICE: OPCs, DMCs, pazos de congresos, hoteis, espazos singulares, empresas audiovisuais e de oferta complementaria e destinos.
A presidenta de OPC España destacou a calidade do programa deseñado, con “algúns dos mellores expertos do sector. Contaremos co médico e motivador Mario Alonso Puig; cos presidentes europeos da federación AC Forum e da asociación de empresas de branding 27 names; con CEOs de empresas de referencia; con expertos en xestión de destino; e con profesionais que impartirán talleres prácticos”.
Ademais, a directora de Turismo de Galicia falou do turismo de congresos coma “unha gran oportunidade para a Comunidade”, debido a que “conta cun alto valor engadido, permite desestacionalizar e ofrece a oportunidade de fidelizar aos clientes”.
Declaracións de Nava Castro
Nava Castro anunciou que, tras o Congreso de OPC España, a Xunta presentará un “estudo específico sobre o sector, para coñecer o impacto real do turismo de congresos en Galicia”.
Aos profesionais sinaloulles: «En Galicia tedes un sitio para celebrar os vosos congresos, con todos os equipamentos posibles e no que atoparedes sempre a nosa hospitalidade».
Convocatoria pioneira
O Palacio de Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá o groso do Congreso, con relatorios centrados na sustentabilidade dos eventos, a adaptación a novos avances tecnolóxicos, a seguridade nas reunións ou a consolidación de destinos.
A convocatoria galega será pioneira en varias frontes.
Por vez primeira nas 32 edicións do Congreso de OPC España, realizarase unha medición da pegada de carbono do evento.
Trátase dunha iniciativa que pretende servir de exemplo para próximas convocatorias, dado que a sustentabilidade é un dos retos máis importantes do sector MICE no futuro inmediato.
En paralelo ao programa científico da reunión levarán a cabo visitas a diversos atractivos turísticos como o Camiño de Santiago, a cidade vella da Coruña ou a Cidade da Cultura, e mostrarase aos asistentes a creatividade dos novos cociñeiros galegos.
Foro MICE
De forma previa, o recinto de Palexco, na Coruña, acollerá o xoves 20 pola mañá a reunión do Foro MICE, un ágora de debate que reúne a OPC España con outras asociacións que representan a empresas de venues, azafatas, tecnoloxía ou turismo de incentivos.