O congreso médico de AGAPap reclamou un mellor modelo de Atención Primaria en Galicia
A reunión anual da AGAPap celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela
Os pediatras de Atención Primaria de Galicia celebraron o sábado 6 de abril o seu congreso médico anual.
A empresa de organización de eventos Trevisani volveu traballar coa Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria nesta reunión.
Na súa inauguración oficial, Amparo Rodríguez Lombardía, presidenta da AGAPap debullou algúns dos logros e das dificultades polas que pasa o colectivo, no seu obxectivo de ofrecer a mellor atención posible aos nenos e ás súas familias.
Entre os logros apuntou:
- Taxas de vacinación maiores ao 90%
- Diminucións na prescrición de antibióticos
- Menos derivacións a urxencias
- Reducción dos ingresos hospitalarios
E, entre os pasos atrás apuntou que, no último ano, pasouse dun 12% de prazas ocupadas por non pediatras a un 13%, o que choca co grande obxectivo de conseguir que todos os nenos galegos teñan un pediatra de cabeceira.
Houbo tamén, desde a vontade de diálogo coa administración, críticas ao modelo de atención primaria en Galicia.
“Non atopamos no Modelo de Atención Primaria de Galicia a resposta aos problemas que temos.
Non hai medidas para solucionar a curto medio prazo a escaseza de profesionais, a cobertura das ausencias, a saturación das axendas…
Necesitamos esas solucións xa.
Estamos dispostos a seguir dialogando para atopalas e poder seguir ofrecendo a mellor atención aos nosos pacientes”, salientou a doutora Rodríguez Lombardía.
No edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, sede do encontro, xuntáronse un cento de profesionais.
Programa da reunión da AGAPap
O evento abordou no seu programa:
- As primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria
- Repaso ás patoloxías en endocrinoloxía máis frecuentes na consulta e cando derivalas
- Os aspectos legais sobre o menor que todo pediatra debe coñecer
- A aprendizaxe miccional correcta e os síntomas no tracto urinario inferior
Esta reunión comezou cun relatorio sobre “Patoloxía endócrino lóxica máis frecuente na consulta de atención primaria, cando e como derivar? a cargo da doutora Ana María Prado Carro, endócrina infantil no CHUAC da Coruña.
O doutor Iván Somoza Argibay, cirurxián infantil no CHUAC, encargouse do seminario “Aprendizaxe miccional correcto e manexo da sintomatoloxía do tracto urinario inferior”.
Pola tarde foi a quenda de “Primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria”, con Yolanda Fernández Santervás, pediatra no Hospital Sant Joan de Deú (Barcelona) e directiva da Sociedade Española de Urxencias de Pediatría SEUP.
Por último, no relatorio de clausura, Carmen González León, profesora de dereito civil na Universidade de Salamanca, abordou os “Aspectos legais sobre o menor de idade: o que o pediatra debe saber”.
Sobre a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria AGAPAP
A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria naceu no 2005 para:
- Dinamizar e ilusionar o traballo dos pediatras de atención primaria
- Mellorar a calidade das súas condicións de traballo
- Dignificar a súa imaxe como profesionais cun alto nivel de formación
Unha das súas principais metas é conseguir que todos os nenos galegos teñan un pediatra de cabeceira.
AGAPap, que conta con máis de 200 socios, forma parte da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), pero actúa de xeito autónomo para alcanzares os seus obxectivos comúns.