Máis dun cento de empresas nacionais e internacionais do Camiño de Santiago pecharán acordos comerciais no FairWay

organizacion-eventos-protocolo-camino-santiago-fairwayA empresa de organización de eventos Trevisani é unha das implicadas no Fairway, en facetas como comercialización e xestión da feira profesional, protocolo e relacións públicas, comunicación, azafatas e persoal auxiliar ou secretaría técnica

Un dos alicerces sobre os que pivota Fairway I Forum Camiño de Santiago é a súa grande aposta pola comercialización implicando a máis dun cento de empresas nacionais e internacionais que terán posibilidade por vez primeira de contactar, comercializar ou contratar calquera tipo de servizo relacionado co Camiño de Santiago dun xeito directo e sinxelo.

É o FairWay Market, un novo concepto de comercialización e espazo expositivo, que se desenvolverá de forma paralela ao resto das accións que completan FairWay, do 15 ao 18 de outubro, e que está chamada a converterse na feira especializada no Camiño de Santiago máis importante a nivel nacional e internacional.

Para iso o FairWay Market ofrece tres conceptos diferentes e complementarios de participar nesta feira que se desenvolverá na Cidade da Cultura: feira de exposición, workshop e pitshow.

A primeira, a feira de exposición, ofrece 2.000 metros cadrados de espazo expositivo, do que o 80% está xa comercializado e no que estarán presentes arredor de 50 empresas e institucións que ofrecerán información sobre os seus servizos de aloxamento, restauración, merchandising, axencias de viaxe, etc.

Ademais de ofertar os seus servizos ao público xeral, os expositores poden establecer reunións de traballo a través da axenda de workshop para pechar acordos de colaboración con empresas de nivel internacional que operan con grupos ou persoas que queren facer o Camiño de Santiago en todo o mundo.

Trátase de firmas de turoperación de Xapón, Estados Unidos, Italia, Dinamarca ou Reino Unido, interesadas en estableceren contactos comerciais para mellorar as experiencias de peregrinación dos seus usuarios.

A actividade comercial completarase co Pitch Show, onde os participantes poderán contar ao público nun tempo máximo de 5-10 minutos, con apoio audiovisual, o seu proxecto empresarial.

Un formato dinámico e áxil, ideal para lanzar produtos e servizos adaptados ao Camiño de Santiago e co que captar o interese doutras empresas ou do público xeral que visitará FairWay ao longo de catro días.

Desde a organización estímase que a esta primeira cita profesional de Fairway I Fórum Camiño de Santiago achegaranse 5.000 persoas.

A reserva destes espazos expositivos aínda está aberta, do mesmo xeito que a posibilidade de inscribirse na feira para participar en FairWay Market e reservar un espazo para o workshop ou o pitshow, escollendo a opción que máis se adapte aos obxectivos comerciais  que cada empresa queira conseguir coa súa participación en FairWay.

FairWay

O Fairway é un encontro de reflexión e análise pero tamén de experiencias vitais, networking e intercambios comerciais que reunirá en Compostela, do 15 ao 18 de outubro, a centenares de profesionais e afeccionados ás diferentes Rutas Xacobeas para compartir vivencias, dar a coñecer negocios vinculados ao Camiño e analizar e ofrecer solucións ás necesidades relacionadas con esta experiencia.

Un evento do que xa é posible consultar toda a información  no seu portal web  http://www.fairwaysantiago.com/  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *