Xa dispoñible o número 9 da revista BenBo
A revista gastronómica BenBo xa ten o seu novo número á venda
A protagonista desta edición é o Mel de Galicia, o ouro doce máis cobizado en Alemaña ou China. Faise fincapé na variedade do Valadouro e nos perigos que supón a avispa asiática para a produción de mel.
Por outra banda, André Arzúa ofrece a súa visión sobre as cociñas solidarias en Bolivia e Venezuela, e fala sobre o seu proxecto A Fábrica de Vilanova. Ademais, o capón de Vilalba tamén atopa oco nestas liñas. A Asociación de Criadores traballa na desestacionalización deste produto e unha criadora vilalbesa xa o puxo no mercado, conseguindo adeptos mesmo fóra de Galicia.
As lampreas e o viño provenientes do Condado e A Paradanta, alí onde conflúen Pontevedra, Ourense e Portugal, son tamén protagonistas, xunto cos tintos das Rías Baixas, en concreto os do Rosal. E aí mesmo, na Guarda, o “peixe de couro” é obxecto de estudo do Proxecto Socheo, unha iniciativa de salvagarda do patrimonio nacida no Baixo Miño.
O número 9 da Revista BenBo xa está na rúa, un proxecto editorial no que Trevisani traballa desde a súa concepción, en tarefas como secretaría técnica, comercialización, redacción…