Grande éxito de Fairway, II Forum do Camiño de Santiago

El evento fairway se celebró en el palacio de congresos de Santiago

No evento promovido desde Trevisani e os seus socios medrou o número de visitantes, a superficie expositiva ou a cantidade de reunión profesionais; e os novos formatos propostos, como as mesas de debate, foron un acerto

O éxito da segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrada do 12 ao 14 de novembro na capital de Galicia supón a “confirmación da necesidade dun encontro destas características”.

Así se manifestan os organizadores e patrocinadores deste evento que se converteu en cita de reunión plural para os distintos profesionais, institucións e interesados nos vieiros a Santiago.

Fairway está promovido dende Viaxes Viloria e Mr Turismo; ademáis da empresa de organización de eventos Trevisani.

O evento, en cifras

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia recibiu a case 4.000 asistentes que acudiron a unha feira de 1.200 metros cadrados de superficie expositiva, con espazos adicionais para actividades e mostras,  auditorio, presentacións para medios de comunicación e área de reunións.

Xa que logo, a feira medrou un 20% respecto da do 2015.

Celebráronse máis de 1.500 reunións de traballo nun workshop que contou con 27 turoperadores procedentes de 15 países e que funcionou grazas a un minucioso traballo de axenda.

A expectación por este formato provocou que numerosas empresas e entidades non puidesen participar nel.

Todas estas cifras supoñen un notable aumento respecto ás da primeira edición en 2015, que contou con 50 expositores en feira e 1.200 reunións no workshop.

Como novidades, neste segundo Fairway 80 profesionais e representantes institucionais tomaron a voz en catro mesas de debate intersectoriais sobre distintas rutas a Santiago.

Un formato que forneceu a reflexión conxunta e a confrontación de intereses e opinións, ás veces diverxentes.

Ademais, houbo seis presentacións institucionais e de recursos reservadas para medios; e programouse un calendario de actividades para todos os públicos o domingo 12.

Opinións favorables a Fairway, Forum do Camiño de Santiago

Pero, alén das cifras, as opinións positivas e alentadoras recollidas entre expositores, congresistas, turoperadores, e, profesionais que escolleron traballar en Fairway Forum do Camiño de Santiago son as que referendan o grande éxito desta edición.

Para Ana Trevisani, codirectora de Fairway, destaca o medre de “equipamentos para o sector da hotelería e hostalería, así como a maior presenza de territorios representados institucionalmente, algúns deles chegados baixo o paraugas da súa comunidade autónoma ou deputación e outros grazas á fórmula das agrupacións de concellos”. Tamén remacha que xa “toca empezarmos a traballar na terceira edición”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *