Satisfacción e vontade de continuidade, balance dun FairWay que situou de novo a Compostela como capital da peregrinación


organizacion-eventos-galicia-santiago-fairwayA organización, da que forma parte a empresa de organización de eventos Trevisani, estima que o volume de negocio derivado do evento pode roldar o millón de euros e tamén está leda co volume de visitantes

O formato de congreso aberto a distintas facetas da peregrinación con feira profesional, sumado á presenza de turoperadores internacionais, foi un acerto

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, rematou a súa primeira edición, que se celebrou entre o xoves 15 e o domingo 18 de outubro, con bo sabor de boca e vontade de continuidade.

A organización do evento estima que o volume de negocio que alcanzarán os contactos establecidos no evento, sumado á propia repercusión económica sobre a cidade de Santiago derivada destes catro días de Fairway, pode roldar o millón de euros.

Máis de 1200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais, medio cento de expositores e algo máis dun cento de empresas  tiveron a oportunidade de expor os seus produtos e servizos vinculados á Ruta Xacobe.

Todo nun encontro de análise e de profunda reflexión e intercambio de experiencias entre peregrinos pero tamén entre administracións e responsables doutras rutas de peregrinación que se deron cita nesta primeira edición de FairWay, o Forum do Camiño de Santiago.

Declaracións da organización

O codirector Manuel Oreiro apunta: “Fairway foi unha cita profesional de altísimo nivel. Superarmos as 1.200 reunións de traballo no workshop, traermos eses máis de 25 turoperadores profesionais ou organizar o pitch show, con máis de 100 presentacións expréss de negocios e institucións, supuña un reto; pero a nosa impresión -corroborada polo que nos transmiten  os participantes- é que pagou a pena”.

Nunha liña semellante amósase Ana Trevisani, quen subliña: “A feira profesional desta primeira edición contou coa participación de todos os sectores arredor dos camiños. Institucións, hostaleiros, restauración, servizos… máis de 50 expositores que destacan o perfil dos visitantes e a repercusión lograda. Foi o mellor escaparate posible para os seus servizos e produtos. O número de visitantes final está acorde coas nosas expectativas. Xa é o momento de pensar na segunda edición”.

Por último, o terceiro codirector do evento, Ton Mugico, destaca que: “Contamos con 50 relatores de alto nivel. O Congreso do Fórum do Camiño de Santiago respondeu cos seus distintos paneis ás diferentes perspectivas que conta o fenómeno das rutas xacobeas. Experiencias persoais de interese, a seguridade nas rutas, a reflexión do “Camiño do despois”, os outros camiños de peregrinación, o coidado do patrimonio e as propias rutas, as infraestruturas e servizos…todos estes aspectos foron tocados por expertos. Ademais descubrimos, en primicia, que haberá segunda parte da película The Way, en boca de Carmen Estévez”.

Desde a organización,os impulsores de FairWay, as empresas compostelás Viloria, Mr. Turismo e a de organización de eventos Trevisani agradecen o apoio e a aposta do seu patrocinador principal, Correos, así como o apoio institucional de Turismo de Galicia e máis do Concello de Santiago.

Fairway, que foi posible grazas tamén á colaboración da Cidade da Cultura e Catedral de Santiago, ofreceu, ademais, un grande número de actividades paralelas como exposicións fotográficas, concertos, contacontos ou catas polas que pasaron centos de participantes deste encontro, que volveu situar Compostela como capital da peregrinación.

Toda a información sobre esta cita está dispoñible no portal web www.fairwaysantiago.com 

Tarefas de Trevisani en Fairway Fórum do Camiño de Santiago

O equipo Trevisani, implicado desde o primeiro momento neste evento, tanto na feira profesional coma no congreso, traballou en múltiples tarefas:

  • Azafatas e persoal auxiliar
  • Conceptualización e produción
  • Comercialización
  • Arquitectura efémera
  • Montaxes creativos,
  • Deseño e imaxe
  • Protocolo e relacións públicas
  • Xestión de relatores
  • Bases de datos
  • Atención ao directo e a autoridades
  • Comunicación e prensa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *