Diversión e loita a prol da igualdade no deporte base, no evento “#Animar non é berrar”

animar-non-e-berrar

O evento, organizado polo Proxecto Iris da man de Trevisani, contou coa atleta Raquel Suárez Pedrosa, o xinete paraecuestre Jonathan Barral, a actriz Isabel Risco e o speaker Javier Masaguer

Máis de 350 persoas divertíronse na xornada “#Animar non é berrar”, enmarcada no Proxecto Iris e celebrada no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela. O seu obxectivo: o fomento da igualdade no deporte de base e a concienciación contra as discriminacións e o racismo.

O humor da actriz Isabel Risco, conxugado coa participación do speaker do Rio Natura Monbus Obradoiro Javier Masaguer, serviu de fío condutor nas dúas sesións que compartiron alumnos, profesores, nais, pais e formadores.

Raquel Suárez Pedrosa, atleta do Ría Ferrol – Concepción Arenal; e o xinete paraecuestre con discapacidade visual Jonathan Barral Otero comentaron as súas experiencias e impresións.

O Proxecto IRIS (http://iris-sport.eu/) é unha iniciativa financiada pola Unión Europea dentro do Programa Erasmus + que, a nivel español, está desenvolvido dende o Grupo de Investigación Stellae (http://stellae.usc.es/) da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

Adriana Gewerc, membro do Grupo Stellae, sinala: “Creáronse recursos de acceso libre e de balde: un cómic, un videoxogo, unha curtametraxe infantil e un curso de formación para aquel profesorado/adestrador que estea interesado.

A discriminación, o racismo e a violencia adquiren cada vez máis protagonismo no deporte base; queremos cambiar esta tendencia, traballar con todos os axentes educativos e basearnos principalmente na prevención, evitando a aparición do problema, non actuando cando xa existe”.

Centros de ensino, clubs e federacións deportivas de toda Galicia recibiron información sobre o Proxecto Iris con motivo da celebración de #Animar non é berrar.

O Proxecto IRIS, Recursos de aprendizaxe innovadores para fomentar a igualdade no deporte de base, afrontando incidentes de discriminación, racismo e violencia, conta tamén con entidades e universidades doutros países como Grecia, Finlandia, Hungría e Bulgaria.

Trevisani no evento #Animar non é berrar

Entre os traballos desenvolvidos pola empresa de organización de eventos Trevisani para #Animar non é berrar están:

  • Conceptualización do evento
  • Secretaría técnica
  • Deseño de escenografía e imaxe
  • Produción
  • Protocolo e relacións públicas
  • Comunicación e difusión entre os xornalistas
  • Personal auxiliar e azafatas
  • Control, dinamización e confirmación de asistencias
  • Relación cos centros de ensino e actores obxectivo
  • Soporte ao directo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *