Ana Trevisani, nova presidenta de OPC Galicia, organización que agrupa ás empresas galegas de organización de eventos e congresos
Ana Trevisani é a nova presidenta de OPC Galicia, a agrupación sectorial que agrupa ás empresas de Galicia que organizan profesionalmente congresos e eventos
A directora de Trevisani sucede no cargo a Yolanda Barbeito (Orzán Congres) que cumpriu seis anos de exitoso desempeño no cargo.
OPC Galicia naceu hai máis de 20 anos e defende as boas prácticas, a posta en valor da profesionalidade e a procura da excelencia no mundo das relacións públicas, concibidas desde unha óptica integral, particularmente na organización de eventos e congresos.
Nesta liña lanzou recentemente a guía Galicia MICE, que conta con versión web e quere facilitar a localización de recursos no país a promotores e organizadores de reunións, viaxes de incentivos, convencións, feiras ou exposicións, promovendo Galicia como un destino único e completo.
Reproducimos a nota do nomeamento de Ana Trevisani, extraída do portal web OPC Galicia.
A asociación galega de organizadores profesionais de congresos renova a súa xunta
OPC Galicia conta desde hoxe con nova directiva, encabezada por Ana Trevisani, da empresa compostelá Trevisani. Os integrantes da asociación galega de organizadores profesionais de congresos elixiron en Santiago á nova xunta, na que exercerá como vicepresidenta Marta Guimaraens, (de Océano Azul Comunicación, A Coruña); e continuará como secretaria Teresa Fandiño (Nova de Congresos, Santiago).
Ana García substitúe á fronte de OPC Galicia a Yolanda Barbeito (Orzán Congres, A Coruña), que encabezou a organización no últimos seis anos. A nova presidenta tivo palabras de recoñecemento para Barbeito, a quen agradeceu o seu “enorme esforzo por consolidar a asociación e abrir novas liñas para o sector. O reto á fronte de OPC Galicia é grande, considerando o gran traballo de Yolanda”. A renovación na xunta prodúcese tras un ano de gran actividade, no que destacou a posta en marcha do proxecto Galicia MICE, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e Turismo de Galicia, concretado na publicación dunha guía de recursos galegos para organizadores de eventos e a súa presentación en Madrid no mes de novembro.
A nova dirixente agradeceu a confianza dos representantes das nove empresas integradas en OPC Galicia e fixouse como obxectivos principais “reforzarmos as relacións internas entre os asociados e os colaboradores, ademais de impulsar a imaxe pública da asociación”.
Na actualidade son dez as empresas que forman parte de OPC Galicia: Abramar OPC e MBCongresos (Vigo); Cyex, Nova de Congresos, Trevisani e Versal Comunicación (Santiago de Compostela); Grupo Norte (Pontevedra); Ice Galicia (Ferrol); e Océano Azul e Orzán Congres (A Coruña).