FairWay contará na súa feira profesional con empresas e institucións

feria en el evento fairwayFairway será un evento con congreso aberto; feira de expositores; e workshop de reunións con turoperadores internacionais

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, segue a dar pasos para a súa celebración entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro.

A empresa de organización de eventos Trevisani é unha das tres firmas que están metidas de cheo en fornecer este acontecemento.

Á cita no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela están a sumarse expositores profesionais e institucionais de distintos puntos.

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, contará cun congreso aberto; feira de expositores; e workshop de reunións con turoperadores internacionais

O abano de firmas que xa contrataron o seu espazo na feira profesional é diverso de abondo e nel están empresas de distintos sectores como: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvemento de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Presenza institucional na feira profesional

Tamén estarán presentes os departamentos de turismo de distintas comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Cantabria, Euskadi, La Rioja ou Navarra; deputacións como as da Coruña e Pontevedra; e agrupacións de concellos como os da Costa da Morte, a mancomunidade galega de concellos do Camiño Francés; concellos do Camiño Inglés e máis do Camiño Portugués; ou Trabada e Mondoñedo, como representantes do Camiño Primitivo.

Tampouco ha faltar no evento o posto fornecido polo goberno da prefectura de Wakayama (Xapón), sede do Camiño Kumano Kodo, vieiro de peregrinación con características similares ao de Santiago.  E Portugal acudirá con cámaras municipais como a de Barcelos.

Amais da presenza en feira, o calado internacional de FairWay, Forum do Camiño de Santiago, fica claro coa presenza máis de 30 turoperadores de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers están á procura de empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos. No workshop atoparanse con expositores e outras empresas nunhas reunións de traballo de carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito que un grupo duns 15 xornalistas e comunicadores especializados, os hosted buyers realizarán distintas viaxes de familiarización, nos que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.

Obxectivos de FairWay, Forum do Camiño de Santiago

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, quere ser un espazo que aborda o fenómeno do Camiño en toda a súa variedade.

Despois do éxito da primeira cita, celebrada en 2015, os seus organizadores aspiran a referendar o seu papel como punto de encontro dos profesionais que traballan ao redor destas rutas.

Para iso contará cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán mostrar os seus recursos e servizos; e un workshop que propiciará reunións de intercambio comercial con destacados turoperadores internacionais.

Os organizadores queren reforzar nesta ocasión o papel das rutas que están en auxe, e para iso prestan no seu proxecto unha atención especial aos atractivos e problemáticas dos outros camiños distintos do Francés.

De xeito paralelo a Fairway, Forum do Camiño de Santiago, terá lugar unha serie de actividades de dinamización na capital galega, denominadas Fairway City.

Memoria da primeira edición do evento

O primeiro Fairway, Forum do Camiño de Santiago desenvolveuse no 2015 e contou, no seu   congreso, con 50 relatores de alto nivel; 50 expositores na feira; e máis de 100 empresas implicadas.

Durante as súas xornadas, realizáronse 1.200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais.

Unha iniciativa desde o sector privado

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Conta co patrocinio principal de Correos, a colaboración institucional da Deputación da Coruña e o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *